Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de galicia licita por máis de 650.000 euros as obras de rehabilitación e mellora do peirao mexilloeiro de moaña

  • Os traballos permitirán reconstruír o peirao recuperando a liña de atracada ao longo de toda a estrutura

 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2024.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ven de iniciar o procedemento de licitación das obras de rehabilitación e mellora do peirao mexilloeiro de Moaña. Esta actuación sae a concurso cun orzamento base de licitación de 650.900 euros, IVE incluído.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.gal. Os licitadores terán de prazo ata o día 2 de maio para presentar as súas ofertas.

As obras previstas permitirán reconstruír o peirao recuperando a liña de atracada ao longo de toda a estrutura. Cómpre lembrar que o peirao mexilloeiro do porto sufriu a rotura dos faldóns laterais de protección da cara exterior, nunha lonxitude aproximada de 30 metros, por efecto das accións do mar, polo que actualmente está fora de uso esta liña de atraque.

Igualmente, en consideración da posibilidade de que o deseño orixinal poida non manter as condicións de resistencia necesarias, mellorarase a estrutura. Así, os traballos consistirán na reconstrución da lonxitude do peirao mediante elementos modulares prefabricados de características similares aos existentes no resto dos vanos. Ademais mellorarase e reforzarase preventivamente o resto da estrutura e instalaranse novos sistemas de defensa para a atracada de buques en todo o peirao.