Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de galicia outorga concesións para a xestión de lonxa ás confrarías de Moaña, Pontedeume, Ribadeo, Noia e Vilaxoán

  • As taxas que terán que abonar pola ocupación do solo portuario polos edificios das rulas contan cunha bonificación do 90%.

 

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2024.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de outorgar oito concesións administrativas para a explotación de edificios portuarios, das que cinco corresponden as confrarías de Moaña, Pontedeume, Ribadeo, Noia e Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) para a xestión das lonxas dos respectivos portos.   

En todos o casos a excepción de Noia -que prorroga a concesión vixente-, trátase de novas concesións administrativas para dar continuidade á actividade que xa se viña realizando e da que xa eran titulares as confrarías, pero cuxo prazo venceu e obrigou á súa renovación. Así mesmo, as cinco confrarías beneficiaranse dunha bonificación do 90% do importe total das taxas que deberán abonar pola ocupación do solo portuario.

O prazo de vixencia das novas concesións será de 10 anos nos casos de Moaña, Pontedeume, Ribadeo e Vilaxoán. No caso da prórroga da concesión da lonxa de Testal á confraría de Noia, o prazo exténdese ata o 2028.

 

Outras entidades en Ribeira, Ribadeo e Poio.

Ademais das cinco concesións ás confrarías de pescadores, o anuncio do DOG recolle outros tres trámites relacionados con concesións a diferentes entidades. Así, modifícase substancialmente a concesión á asociación cultural Lajareu por Barlovento de Ribeira para a ocupación de espazo destinado a garda e reparación de dornas, oficinas e aparcadoiro.

Tamén se prorroga por 5 anos á concesión á agrupación de interese económico Lonxa de Campelo (Poio) para a explotación da rula. Finalmente outórgase unha concesión a Astilleros Gondán en Ribadeo para taller auxiliar para a construción naval.