Publicador de contidos
PORTOS DE GALICIA REMATA A TRAMITACIÓN DO PLAN ESPECIAL DE SADA-FONTÁN CO INFORME FAVORABLE
- O presidente de Portos de Galicia trasladou ao alcalde sadense nunha reunión de traballo que o ente público ratificará o documento no seu vindeiro Consello Reitor e remitirao á administración local para que poida sometelo a aprobación definitiva
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025.- O Consello Reitor de Portos de Galicia aprobará na súa vindeira convocatoria, no mes de xuño, o informe favorable ao Plan Especial dos portos de Sada-Fontán, na Coruña. Así llo comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, ao alcalde sadense nunha reunión de traballo.
O presidente de Portos trasladou ao alcalde que o organismo portuario ten xa rematada a tramitación do plan na fase de competencia autonómica e que elevará ao Consello Rector o informe favorable para que, unha vez ratificado, poida enviarse ao Concello para ser someido a aprobación definitiva, que corresponde á administración local.
Este informe, preceptivo e vinculante, recolle os cambios derivados dos informes sectoriais recibidos na propia tramitación do plan coas diferentes administracións así como das alegacións á proposta inicial. Unha vez integradas as indicacións procedentes, Portos de Galicia dá luz verde ao documento para a súa aprobación definitiva en pleno municipal.
O Plan Especial é unha ferramenta de ordenación do solo que rexirá as características urbanisticas dos portos de Sada-Fontán. Así mesmo regula o réxime de concesións, as ordenanzas para o desenvolvemento das parcelas e os volúmenes construtivos. Finalmente, permite tamén avanzar na concreción dos usos do solo que se recollen na Delimitación de Espazos e Usos Portuarios.