Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA SUBLIÑA O SEU RESPECTO POLO CRITERIO TÉCNICO NA ELECCIÓN DO PUNTO DE VERTIDO DE ÁRIDOS PARA A DRAGAXE DO LÉREZ

  • José Antonio Álvarez lembrou que a Xunta cumpre coa legalidade vixente que prioriza os usos produtivos devolvéndoos os áridos ao mar ao tratarse de material non contaminante pola baixa concentración de metais pesados confirmada en catro campañas de catas.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2025.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación ao punto de vertido autorizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica para os áridos que se extraian da dragaxe do Lérez. Álvarez Vidal lembrou que a Xunta recibiu no mes de abril e recentemente no mes de agosto os correspondentes informes do CEDEX e do Ministerio de Transición Ecolóxica nos que informan favorablemente o depósito de áridos nos  denominados puntos B e E8 na ría de Arousa e D, na ría de Vigo.

Ante ambos informes dos organismos técnicos competentes, o presidente de Portos subliñou o respecto da Xunta de Galicia polo criterio técnico e polo traballo desenvolvido pola comisión técnica integrada por Portos de Galicia, Puertos del Estado e o CEDEX para estudiar as alternativas para o depósito dos áridos. Ademáis, insistiu en que a Xunta está a cumprir coa legalidade vixente que prioriza os usos produtivos dos áridos, isto é, devolvelos ao mar sempre que sexa posible pola súa calidade.

Neste sentido, o presidente de Portos remarcou que o ente público realizou catro campañas de caracterización dos materiais para coñecer os seus compoñentes nos anos 2024, 2020, 2016 e 2009 e todos os materiais detectados enmárcanse nas categorías A e B, as de maior calidade e que non presentan contaminación. Neste sentido fixo un chamamento a evitar o alarmismo e clarexou que a presenza de metais pesados prodúcese en concentracións moi baixas que permiten cualificalos como non contaminantes, polo que a lei establece que se priorice a súa devolución ao fondo mariño fronte a outras alternativas como o tratamento en terra.