Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia ten en trámite actuacións de mellora para o porto de Lorbé por importe de medio millón de euros

  • A presidenta de Portos de Galicia e o delegado territorial na Coruña presentaron á confraría e representantes municipais os avances relativos á vía de acceso á zona portuaria.

 

Oleiros (A Coruña), 24 de outubro de 2022.- A Xunta de Galicia ten en tramitación dúas actuacións de mellora para o porto de Lorbé, no municipio coruñés de Oleiros, por importe de preto de 500.000 euros. Así o trasladaron esta mañá a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, nunha reunión de traballo coa confraría de pescadores da localidade e os representantes municipais.

Os representantes do Executivo autonómico explicaron que a Xunta vén de avanzar significativamente na tramitación da obra de mellora do acceso ao porto de Lorbé. Este proxecto, orzamentado en 300.000 euros, foi supervisado pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e licitarase antes de final de ano. Deste xeito, a previsión é poder comezar a obra na vindeira primavera.

Con esta actuación búscase mellorar a plataforma e o trazado do tramo final da Vía Ártabra neste punto para dar un acceso axeitado ao porto de Lorbé. Proponse unha mellora substancial do acceso en varios aspectos como a ampliación do radio da curva actual, a adecuación da pendente, a ampliación da plataforma dotándoa de aparcadoiro, a dotación de beirarrúas, alumeado e arboredo, así como a separación do acceso á actividade industrial localizada na contorna. Así mesmo, e pese a que o saneamento do porto se realiza agora a través de fosa séptica, a actuación coordinarase co Concello para que se poida dispoñer unha condución na traza da obra para un posible servizo futuro.

Ademais, Susana Lenguas e Gonzalo Trenor trasladaron que a Xunta avanza tamén nos estudos básicos preliminares para o reforzo do abrigo do porto, un proxecto Portos inviste 155.000 euros. Para iso, o ente público realizou xa dúas campañas de instrumentación para coñecer as circunstancias do porto, a axitación real e o esforzo ao que se somete a estrutura. Así mesmo, realizáronse sondaxes para avaliar o terreo e actualmente estase a traballar na análise de datos e na realización de estudos de axitación, que son a base do estudo de posibles alternativas.

Finalmente, a presidenta de Portos e o delegado territorial da Xunta na Coruña subliñaron o compromiso do Goberno galego tamén co porto de Lorbé a través do esforzo inversor na implementación de melloras que contribúan a unha maior calidade da actividade portuaria, como a recente dragaxe e a mellora da rampla de varada.