Publicador de contidos
PORTOS DE GALICIA TEN PECHADA A PROPOSTA DE REVERSIÓN AO ESTADO DE TERREOS INNECESARIOS EN 17 DOS 25 CONCELLOS QUE O SOLICITARON
O presidente de Portos de Galicia compareceu na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo para dar conta dos avances realizados no último medio ano neste procedemento.
- O presidente do ente público explicou no Parlamento que nove destes expedientes foron xa remitidos a Costas para que o Ministerio de Transición Ecolóxica decida sobre a súa aprobación e os 8 restantes ratificaranse en Consello Rector este mes.
- Os concellos cos que xa se consensuou a delimitación destes terreos son A Guarda, Bueu, Cambados Cangas, Foz, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso (portos de Ponteceso e Corme), Oleiros (porto de Santa Cruz), Vilanova de Arousa, Rianxo, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Laxe, Poio, O Grove, Mugardos e Moaña.
- Trátase de solo de titularidade portuaria que non rexistra actividade sectorial ou esta é moi baixa e que a Xunta pretende reverter á Administración central para que esta poida cederlla ás administracións locais dado o seu uso público veciñal.
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, compareceu esta mañá na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo para dar conta dos avances realizados polo ente público no procedemento de reversión ao Estado de terreos portuarios declarados innecesarios a fin de que a Administración central poida cederllos aos concellos que así o reclaman dado o seu uso público veciñal e non portuario.
Álvarez Vidal explicou que no último medio ano Portos de Galicia activou este procedemento conseguindo ter a día de hoxe pechada a proposta de reversión en 17 dos 25 concellos que o solicitaron. Engadiu que para maior axilidade neste procedemento decidiuse desenvolvelo por fases, proposta que se consensuou coa Fegamp, así como os criterios técnicos que rexen á hora de establecer os terreos que se poden reverter á Administración Xeral do Estado.
Na primeira fase incluíronse as propostas de reversión nos portos de A Guarda, Bueu, Cambados Cangas, Foz, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso (portos de Ponteceso e Corme), Oleiros (porto de Santa Cruz) e Vilanova de Arousa. Tal como informou o presidente de Portos, unha vez consensuadas cos concellos e ratificadas polo Consello Reitor do ente público, estas nove propostas foron trasladadas á Consellería de Facenda para a súa avaliación patrimonial e tras validarse eleváronse ao Consello da Xunta que aprobou a súa remisión ao Estado. Así, xa desde o pasado mes de abril están remitidas aos correspondentes servizos provinciais de Costas do Estado para que sexa agora o Ministerio de Transición Ecolóxica quen exerza a súa competencia sobre a aprobación definitiva se procede.
Inmediatamente despois de rematar a tramitación da primeira fase, Portos de Galicia retomou o proceso cos 8 municipios incluídos na segunda, a saber: Rianxo, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Laxe, Poio, O Grove, Mugardos e Moaña. Con todos eles tense consensuado tamén a proposta de reversión que se presentará ao Consello Reitor do ente público este mesmo mes para a continuación trasladase a Facenda e continuar con procedemento de xeito idéntico á primeira fase. Finalmente, o presidente de Portos indicou que despois do verán finalizarase a tramitación abordando as propostas da terceira fase na que se incluirán os portos de Burela, Cariño, Cedeira, Corcubión, Fisterra, Pontecesures, Ribeira e Viveiro.
Agradecemento á colaboración institucional
O presidente de Portos subliñou o clima de consenso que presidiu todas as reunións celebradas cos diferentes alcaldes que solicitaron a reversión dos terreos para a posterior transferencia. Así mesmo agradeceu a colaboración institucional amosada polos alcaldes e alcaldesas para axilizar o procedemento sobre o que finalmente será a Administración Xeral do Estado a que teña que decidir.