Publicador de contidos
Villaverde expón ante as confrarías da ría de arousa os informes técnicos que avalan o punto de depósito dos áridos da dragaxe do lérez
- A conselleira lembrou aos 12 colectivos profesionais que o MITECO, en base ao ditame do CEDEX, validou o punto B, situado 1,8 quilómetros máis afastado que o E8, onde durante décadas se depositaron os áridos sen producirse afectación ambiental
- Reseñou que a Xunta investirá case 12 millóns de euros nesta obra para dar resposta ás necesidades do sector marisqueiro da ría de Pontevedra
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026.- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo esta mañá unha reunión informativa sobre a obra da dragaxe do río Lérez no porto de Pontevedra con todas confrarías que desenvolven a súa actividade na ría de Arousa en cuxo exterior se sitúa o punto de depósito determinado polo Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO) para os áridos que se extraian desta actuación. Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, trasladou aos 12 colectivos profesionais os informes técnicos e científicos do CEDEX e o Miteco –administración competente na materia- que avalan dito punto de depósito en relación á súa repercusión ambiental.
A conselleira do Mar deu conta dos avances no proxecto de dragaxe do Lérez toda vez que a Xunta ten en tramitación ambiental desde a semana pasada o estudio de impacto ambiental e o proxecto técnico que contempla un orzamento de 11,9 millóns de euros. Este investimento dará resposta ás necesidades do sector marisqueiro da pontevedresa, nomeadamente ás confrarías de Lourizán, Raxó e Pontevedra, así como ás instalacións do club naval de Pontevedra e a dársena das Corbaceiras, afectadas pola falta de calado.
Na reunión, na que participaron tamén representantes das confrarías beneficiarias da actuación, Villaverde lembrou que o punto de depósito dos áridos, o denominado B, situado no exterior da ría de Arousa, a máis de 100 metros de profundidade, foi validado polo MITECO en base ao informe do CEDEX, o organismo estatal de referencia en materia de dragados. Este informe recomenda o punto B para as dragaxes da ría de Pontevedra e aborda as súas garantías ambientais. Así mesmo determina que “non existiu afectación ambiental” durante as dúas décadas de uso do punto E8 ao que se trasladaban ata 2021 os áridos das dragaxes. O punto B sitúase 1,8 quilómetros máis afastado que o E8 das zonas produtivas da ría de Arousa.
Material de calidade A
Durante o encontro Marta Villaverde destacou tamén que todos os áridos que se vai dragar está clasificado como categoría A –a de máis alta calidade- por diversas caracterizacións realizadas nos anos 2009, 2015, 2020 e 2024. En base a esta caracterización, a normativa de dragaxes prioriza os usos produtivos do material e a súa volta ao mar.
Tal como recolle o proxecto, a dragaxe levarase a cabo integramente dentro do dominio público portuario do porto de Pontevedra e As Corbaceiras, afectando a unha lonxitude de 4,5km e unha área total de 309.130 metros cadrados da que se retirarán máis de 500.000 metros cúbicos de áridos.