Publicador de contidos
Portos de Galicia propón ao concello de Bueu un convenio de colaboración para a renovación das redes de augas e o mantemento de espazos comúns
- O Ente público autoriza a instalación en zona portuaria das novas canalizacións de saneamento, abastecemento e pluviais, mentres que o goberno local asumiría o mantemento das zonas de uso veciñal
Santiago, 24 de maio de 2024.- Portos de Galicia ven de remitir ao Concello de Bueu unha proposta de convenio de colaboración entre ambas administracións para a renovación das redes de augas e o mantemento de espazos comúns, de titularidade da Xunta de Galicia, pero que rexistran actividade veciñal e non portuaria.
O acordo establece as bases para renovación e mantemento de todas as canalizacións necesarias para os servizos municipais de saneamento, abastecemento e pluviais, así como da conservación das zonas de uso público. En base a este convenio, Portos de Galicia autorizaría, en caso de asinarse, á administración local a instalación en zona portuaria de todas as infraestruturas necesarias para os servizos públicos e a intervención para o seu mantemento. Pola súa parte, o Concello asumiría o coidado e conservación das zonas de uso fundamentalmente veciñal que pertencen ao dominio público portuario.
Este convenio enmárcase dentro da vontade de colaboración institucional entre Portos de Galicia e os Concellos galegos a fin de coordinar unha máis efectiva prestación de servizos ás persoas que desenvolven actividade portuaria pero tamén ao conxunto dos veciños das vilas costeiras.