Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia licita por 340.000 euros a mellora da accesibilidade ao peirao de pasaxeiros e o acondicionamento da nave de redes do porto de Bueu

  • A presidenta de Portos de Galicia subliña o esforzo inversor do ente público neste peirao, un dos de maior relevancia da provincia de Pontevedra.

Bueu (Pontevedra), 16 de xuño de 2022.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar o procedemento de licitación de dúas obras previstas para o peirao de Bueu (Pontevedra). Así o comunicou hoxe a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita ao municipio para presentar os proxectos de mellora da accesibilidade ao peirao de pasaxe e na rúa Montero Ríos, así como do acondicionamento da nave de redes. Ambas licitacións supoñen un investimento previsto de 340.000 euros, “o que demostra o compromiso do ente público cun dos portos de maior relevancia da provincia de Pontevedra”, subliñou Susana Lenguas.

En relación ás obras de mellora da accesibilidade ao peirao de pasaxeiros e na rúa Montero Ríos, a presidenta de Portos explicou que incluirá a ordenación do tráfico rodado na vía, a dotación de aparcadoiros para persoas con discapacidade e a habilitación de sendas peonís. Para o acceso ao peirao de pasaxeiros proxéctase un camiño de formigón de 82 metros de longo por dous de ancho, protexido por morróns e unha varanda. O orzamento desta actuación é de 215.000 euros.

En canto á nave de redes, executarase unha ampliación dos espazos para dotala de novas zonas de almacenaxe e traballo para a reparación das redes existentes, atendendo ás necesidades actuais. Para iso construirase un módulo adicional e habilitarase un gran lucernario central coa finalidade de permitir a entrada de luz natural. O orzamento desta actuación é de máis de 120.000 euros.