Publicador de contidos
A XUNTA DE GALICIA INVESTIRÁ 220.000 EUROS NAS OBRAS DA SEGUNDA FASE DA DRAGAXE DO PORTO DE CARIÑO
- Portos de Galicia adxudicou os traballos que terán un prazo de execución de 3 meses
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá case 220.000 euros na segunda fase da dragaxe do porto de Cariño. Portos de Galicia adxudicou os traballos que permitirán recuperar o calado e mellorar a operatividade portuaria no peirao comercial norte da dársena.
A segunda fase da dragaxe complementa as obras executadas o pasado ano para a recuperación de calado nesta dársena nas que Portos de Galicia investiu xa 600.000 euros. En concreto, nesta segunda fase dragaranse, ata alcanzar a cota de referencia -7 metros, un total de 15.840 metros cadrados da zona portuaria situada nos peiraos de atracada comercial interiores do porto.
Os traballos permitirán extraer máis de 11.000 metros cúbicos de áridos, que se levarán ao punto de vertedura autorizado. O prazo de execución das obras, unha vez iniciada a actuación, será de 3 meses.
Reversións de terreos ao Estado
Xunto ao próximo inicio das obras de dragaxe, Portos de Galicia está a avanzar tamén no proceso de reversión ao Estado de terreos portuarios declarados innecesarios co obxectivo de que a Administración Xeral poida transferilos ao Concello de Cariño. Con este obxectivo, nos vindeiros días celebrarase unha reunión entre ambas administracións para consensuar a delimitación dos terreos que se proporá reverter.