Publicador de contidos
A Xunta de Galicia promociona o sistema náutico galego no grand pavois de la Rochelle co obxectivo de fidelizar os tránsitos do norte de Europa
La Rochelle (Francia), 6 de outubro de 2024.- A Xunta de Galicia, a través de Turismo e Portos de Gaiicia, promociona o sistema portuario autonómico como destino náutico na feira internacional Grand Pavois, que se celebra na localidade francesa de La Rochelle ao longo desta semana. Cun stand instalado no espazo común que xestiona Turespaña para o conxunto da representación española na feira, a Xunta de Galicia coordina a presenza e representación das marinas e clubs náuticos galegos que asisten ao salón ou promocionan nel as súas instalacións.
Para reforzar a participación da Administración galega na principal feira náutica de Europa, o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, visitou tamén o salón onde realizou diversos contactos comerciais cos operadores náuticos nacionais e internacionais a fin de dinamizar a recepción de tránsitos nos portos galegos. Non en van, o principal obxectivo desta promoción e fidelizar os tránsitos do norte de Europa para os que Galicia constitúe unha escala estratéxica na navegación cara ao sur.
O Grand Pavois, celebrado por primeira vez en 1973, aglutina aos principais operadores do sector náutico recreativo de todo o mundo. Este foro supón un importante nicho de mercado para o sistema náutico galego. De feito, Galicia recibiu no pasado ano máis de 5.000 tránsitos dos que, no caso dos estranxeiros, a súa maioría proceden de Francia.