Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

INVESTIDOS MÁIS DE 400.000 EUROS EN ACTUACIÓNS DE MELLORA DE PANTALÁNS NOS PEIRAOS AUTONÓMICOS NESTE ANO

  • O presidente de Portos de Galicia fixo balance en rolda de prensa das obras executadas na provincia da Coruña

Santiago, 19 de decembro de 2017.- Portos de Galicia, vén de investir no exercicio actual máis de 400.000 euros en actuacións de mellora de instalacións de amarre, pantaláns e fingers en peiraos de titularidade autonómica das tres provincias costeiras. Así o comunicou esta mañá José Juan Durán Hermida, presidente da devandita institución, nunha rolda de prensa celebrada na sede do organismo portuario na Coruña para facer balance das actuacións no conxunto da comunidade e nos peiraos coruñeses.

Durán Hermida explicou que Portos de Galicia,  vén de executar ao longo dos últimos meses preto de medio centenar de actuacións de reforzo, mellora e reparación de pantaláns en peiraos  de titularidade autonómica das tres provincias costeiras. En concreto, o ente público actuou ao longo do ano 2017 en 3 portos da provincia de Lugo, 20 da Coruña e 23 da provincia de Pontevedra, cun investimento total de 400.000 euros.

No caso da provincia da Coruña, o organismo portuario actuou nun total de 20 portos, que son Pontedeume, Sada, Corme (Ponteceso), Camariñas, Muros, O Freixo (Outes), Testal (Noia), Portosín (Porto do Son), Porto do Son, Palmeira (Ribeira), A Pobra do Caramiñal, Escarabote (Boiro), Rianxo, Lorbé (Oleiros), Miño, Ares, Mugardos, Barallobre, Cariño e O Barqueiro (Mañón). Estas actuacións supuxeron un investimento global de 150.000 euros.

O presidente de Portos lembrou que estas actuacións dan resposta ás necesidades que se presentaban neste tipo de infraestruturas en canto á súa reparación e mantemento. Así mesmo, “veñen mellorar as condicións de traballo, operatividade e seguridade dos usuarios dos portos dependentes da Xunta de Galicia, unha das nosas liñas estratéxicas de traballo”, concluíu.