Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

O PRESIDENTE DE PORTOS DE GALICIA ABORDA CO DELEGADO ESPECIAL DA AXENCIA TRIBUTARIA EN GALICIA A CESIÓN GRATUITA DE INSTALACIÓNS PORTUARIAS EN RIBADEO

A Coruña, 30 de outubro de 2025.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e delegado especial da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) en Galicia, Miguel Cárcaba mantiveron esta mañá unha reunión de traballo na sede do ente público na Coruña. No encontro, ambos representantes públicos afondaron nas vías de colaboración entre ambas entidades.

Entre os principais temas tratados, no encontro abordouse a posta en marcha do convenio asinado entre Portos de Galicia e a AEAT para a cesión de instalacións tanto flotantes como en terra de titularidade do ente público no porto de Ribadeo a favor da Axencia Tributaria, para uso do servizo de vixilancia aduaneira en Galicia. En concreto, o acordo regula a posta a disposición da AEAT do dominio público portuario con destino a un pantalán flotante para atracada das unidades marítimas así como da caseta de apoio ao mesmo e unha zona restrinxida de aparcadoiro ao longo do pantalán. Esta cesión non conlevará imposición de taxas por parte do ente público. O convenio ten vixencia por 15 anos prorrogables.

Ademais, no encontro, o presidente de Portos de Galicia e o delegado especial da AEAT avanzaron tamén na posibilidade de mellora das condicións da base marítima de Vixilancia Aduaneira no porto de Muros. Con estas actuacións Portos de Galicia dá mostra do seu compromiso de colaboración institucional neste caso coa Administración Xeral do Estado para a realización de labores que faciliten o exercicio das súas competencias na nosa comunidade.