Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA DOTARÁ DUNHA MARXE PARA TRÁNSITO PEONIL O ACCESO AO PORTO DE ESPASANTE, EN ORTIGUEIRA

  • A conselleira do Mar visitou a dársena para informar tamén de novos avances na tramitación da dragaxe.

Ortigueira (A Coruña), 26 de novembro de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, dotará o acceso ao porto de Espasante, no concello de Ortigueira, dunha marxe para tránsito peonil co obxectivo de reforzar a seguridade viaria. Así o confirmou a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha visita ao municipio coruñés na que deu conta dos avances nos proxectos previstos para a zona.

A conselleira, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, ratificou o compromiso do ente público para dar resposta á petición do Concello de delimitar unha zona reservada para o tránsito peonil na estrada de acceso ao porto de Espasante, pertencente ao dominio público portuario. Esta actuación sumarase á renovación do firme do propio viario e o investimento total previsto ascende  aproximadamente 100.000 euros.

Ademais, Marta Villaverde informou tamén dos avances na tramitación do proxecto de dragaxe do porto de Espasante, no que Portos de Galicia contempla un investimento de máis dun millón de euros. Esta actuación atópase en tramitación ambiental e o estudio de impacto ambiental someteuse a información pública o pasado mes de xuño recibíndose dúas alegacións. Nos últimos días, Portos recibiu o informe do Ministerio de Transición Ecolóxica no que recolle que non existe afectación ambiental da obra á contorna, pertencente a Zona Zepa pero establece unha serie de condicionantes á obra para a contención de especies mariñas invasoras. A día de hoxe Portos segue pendente de recibir o informe de Compatibilidade coa Estratexia Mariña do mesmo Ministerio, informe preceptivo e vinculante para poder aprobar a Declaración de Impacto Ambiental dos traballos e licitalos.

Finalmente, a conselleira comprobou tamén a finalización dos traballos de reposición de pavimentos no porto de Ortigueira no que o seu departamento, a través de Portos investiu recentemente 115.000 euros. Estas obras melloraron os firmes do viario do Malecón e a explanada de aparcadoiro público.