Publicador de contidos
PORTOS DE GALICIA INVISTE 80.000 EUROS NA RENOVACIÓN DOS PAVIMENTOS ESGOTADOS NO PORTO DE ORTIGUEIRA
- O presidente de Portos visitou os traballos executados no vial do Malecón e a explanada portuaria para a mellora da seguridade viaria.
Ortigueira (A Coruña), 3 de xullo de 2025.- Portos de Galicia investiu 80.000 na renovación de pavimentos esgotados no porto de Ortigueira, na provincia da Coruña. O presidente do ente público, José Antonio Álvarez, acompañado polo alcalde da localidade, Valentín Calvín, visitou esta mañá a zona para comprobar os traballos executados que permitirán mellorar a seguridade viaria na zona.
Esta actuación enmárcase nun plan global para 26 dársenas autonómicas no que Portos de Galicia inviste 1,6 millóns de euros para substituír e reforzar os pavimentos esgotados. No marco deste plan executaranse obras que inclúen a dotación de novas capas de firmes de reforzo, a reposición naquelas zonas nas que o pavimento fora esgotado e a reposición de firmes de formigón armado, ademais de labores de saneo de explanadas.
Como complemento destas actuacións, atenderase tamén a deixar a cota os pozos, arquetas e sumidoiros existentes e pintarase nova sinalización horizontal. Deste xeito, Portos de Galicia prevé mellorar a seguridade viaria de condutores e peón que transitan pola zona.
En concreto, no porto de Ortigueira actuouse no vial do Malecón e a explanada pública que ten uso de aparcadoiro público. En ambas zonas repúxose a capa de rodadura e a sinalización horizontal.
Avances na dragaxe de Espasante
Durante a súa visita ao municipio de Ortigueira, o presidente de Portos de Galicia insistiu tamén nos últimos avances na tramitación da obra de dragaxe de Espasante. Álvarez Vidal lembrou que o estudio de impacto ambiental da obra está en período de información pública desde o pasado 27 de xuño para que as persoas interesadas poidan presentar as alegacións que consideren oportunas. Este trámite supón un avance no desenvolvemento dunha actuación que ten como obxectivo recuperar o calado que permita mellorar a operativa portuaria en condicións de seguridade na dársena.
As obras contan cun orzamento estimado de 1,1 millóns de euros e o proxecto contempla o aproveitamento do material para aporte á praia da Concha, en Espasante, ao conservarse, deste xeito, o material sedimentario dentro do propio sistema do que é orixinario.
Autorización para o guindastre
Durante a súa visita a Ortigueira, o presidente de Portos de Galicia comunicou tamén ao alcalde que o ente público autorizou o uso dun guindastre de 10 toneladas para izada e baixada de embarcacións de recreo á asociación Porto de Ortigueira. Trátase dunha autorización por un prazo de 4 anos.