Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA REMATA AS OBRAS DE ESTABILIZACIÓN DO NOIRO DESPRENDIDO NO ACCESO AO PEIRAO DE CEDEIRA

  • O ente público reforzou a parede natural logo dos desprendementos provocados polos temporais de vento e chuvias que obrigaron a cortar o tránsito rodado

 

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, rematou nos últimos días as obras de acondicionamento do noiro de acceso ao porto de Cedeira que permitiron a súa estabilización no tramo que discorre a altura da praia.

Os traballos executados permitiron reforzar a parede natural que se atopa á beira do viario de acceso ao porto logo dos desprendementos provocados polos temporais de vento e chuvias, que obrigaron a cortar puntualmente o tráfico rodado no acceso ao peirao pesqueiro. Así mesmo, retiráronse as árbores situadas na parte superior do noiro para evitar risco de caídas.

En concreto, as obras consistiron na retirada do material desprendido e a colocación dun dique de protección de dous metros de altura na parte superior do muro así como un sistema de drenaxe. Ademais realizouse un recheo con material procedente da propia obra, deixando unha bancada na parte superior do muro.

Con esta actuación, Portos de Galicia pretende minimizar as incidencias que se viñan rexistrando de xeito recorrente neste tramo do acceso ao porto de Cedeira debido aos efectos dos fenómenos climatolóxicos adversos.