Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA SOMETE A INFORMACIÓN PÚBLICA A CONCESIÓN PARA O PORTO DEPORTIVO DE RIANXO

  • O proxecto do Club Náutico contempla 134 prazas de atraque na primeira fase e 40 máis na segunda e libera espazo na dársena para poder ampliar os pantaláns de mexilloeiros

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025.- Portos de Galicia iniciou o trámite de información pública da solicitude de concesión por parte do Club Náutico de Rianxo a Portos de Galicia para a construción e explotación dunhas instalacións náutico deportivas. A tramitación pública por parte do ente público deriva da solicitude presentada polo Club Náutico no mes de abril e publicouse onte no Diario Oficial de Galicia.

Durante o trámite de información pública todas as persoas e entidades interesadas poderán consultar a proposta técnica, que xa superou o trámite de competencia de proxectos. Así mesmo poderán presentar as alegacións que consideren oportunas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo para a presentación de ditas alegacións é de 20 días hábiles a partir de hoxe e a documentación sobre o proxecto está a disposición das persoas interesadas na páxina web de Portos de Galicia, no apartado Comunicacións e avisos.

 

Actuación prevista

As obras proxectadas consisten na substitución das actuais dúas liñas de pantalán por unhas novas que se pilotarán ao fondo. Deste xeito mellorarase a seguridade da instalación e a calidade dos atraques, ademais de liberar espazo na dársena que permita ampliar os pantaláns para embarcacións mexilloeiras.

O proxecto presentado polo Club náutico contempla a dotación de 174 novas prazas de amarre das que 134 construiranse na primeira fase e 40 máis na segunda. Todos os atraques disporán de subministro de auga e electricidade. Tamén se renovarán as edificacións en terra con novas edificacións para cafetería, oficinas, vestiarios e pañol para vela lixeira. En total construiranse 470 metros cadrados de novas instalacións.