Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

As empresas interesadas no contrato de limpeza dos portos autonómicos nos vindeiros dous anos teñen ata o 12 de xullo para presentar as súas ofertas

  • A licitación do concurso de Portos de Galicia para eses dous exercicios conta cun orzamento inicial de 9,6 millóns de euros e o seu valor estimado ascende ata os 19,2 millóns de euros incluíndo a posibilidade de realizar dúas prórrogas dun ano.
  • As actuacións inclúen a limpeza nas zonas de servizo dos 122 peiraos galegos, tanto en terra como na lámina de auga, e a recollida dos residuos xerados neles incluíndo o seu traslado a xestores autorizados para un axeitado tratamento.

 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2023.- As empresas interesadas no contrato de limpeza dos portos autonómicos galegos nos vindeiros dous anos teñen ata o próximo 12 de xullo para presentar as súas ofertas. É o prazo establecido na licitación iniciada hai uns días por Portos de Galicia para adxudicar o servizo de limpeza e recollida de residuos nas dársenas da comunidade.

O concurso conta cun orzamento inicial de 9,6 millóns de euros por eses dous anos de servizo, pero inclúa a posibilidade de realizar dúas prórrogas dun ano, polo que o valor estimado do contrato ascende aos 19,2 millóns de euros contando os catro exercicios. Os pregos e toda a documentación deste procedemento están dispoñibles na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante e na páxina web de Portos de Galicia.    

O procedemento establece a división do contrato en tres lotes por distribución xeográfica para facilitar a concorrencia das pequenas e medianas empresas e favorecer unha maior eficiencia na realización dos traballos. Deste xeito, a contratación abrangue os 122 portos de titularidade autonómica nas tres provincias costeiras repartidos neses tres lotes, que se corresponden coas tres zonas administrativas coas que conta Portos de Galicia: zona norte, coincidente coa franxa cantábrica, zona centro, a costa atlántica da provincia da Coruña, e zona sur, a provincia de Pontevedra.

O servizo refírese á recollida, transporte e xestión de refugallos derivados da actividade portuaria e tamén das papeleiras e contedores colocados nas instalacións portuarias. Ao mesmo tempo, afecta á limpeza xeral, sexa manual ou mecánica, limpeza de ramplas, escaleiras de fábrica, pantaláns e diques flotantes, roza de maleza e sega de herba e limpeza das redes de saneamento e pluviais.

O contrato tamén inclúe, entre outros, traballos de limpeza da lámina de auga dos peiraos, dos edificios portuarios, dos canlóns, baixantes e cubertas dos inmobles ou tarefas de limpeza extraordinarias, derivadas de actividades puntuais ou necesidades de retirada de residuos dos fondos mariños.

Nas actuacións previstas tamén está un servizo de inspección e caracterización dos residuos durante o primeiro ano co obxectivo de coñecer a magnitude de volume e peso detallada que permita a Portos de Galicia optimizar no futuro a limpeza e recollida de refugallos nas súas instalacións.